22/12/11

HISTORIA DUN OBELISO


OBELISCO DO VATICANO




Gaius Iulius Caesar Augustus Germanicus, coñecido como Calígula –de caliga, sandalia- era fillo de Xermánico y de Agripina a Maior.
Á morte do seu pai, como fillo adoptivo do emperador Tiberio, foi nomeado xunto ó se primo Tiberio Gemelo, herdeiro do trono imperial. Pero tras desfacerse de Gemelo, Calígula converteuse en emperador no ano 37 d. C.





Amante das carreiras de cabalos, era un apaixonado seguidor do equipo dos Verdes –unha das catro faccións existentes en Roma-. Quería tanto a un cabalo chamado Incitatus que a véspera das carreiras mandaba soldados a impor silencio na veciñanza baixo pena de morte, para que ninguén turbase o descanso do animal. Fixo construírlle unha corte de mármore e un pesebre de marfil, durmía con mantas de cor púrpura -a tintura máis cara do Imperio- e adornábase con colares de perlas; deulle casa completa, con escravos, mobles, e todo o necesario, para que os que foran invitados no seu nome, a comer na súa casa, recibisen magnífico trato, e ata lle outorgou o título de cónsul de Bitinia.
Estes datos son hoxe postos en dúbida, considerados unha sátira.
Parece ser que Incitatus só perdeu unha carreira na súa vida, tras do que Calígula deu orde de sacrificalo.


No Ager Vaticanus, ó pé do outeiro do Vaticano, sobre terreos da vila da súa nai  -HortiAgrippinae-, construíu un circo de carácter privado, que ás veces se abría ó público. A obra foi rematada polo seu sucesor, o seu sobriño Nerón, polo que o circo se denomina Circo de Caio e Nerón (Gai et Neronis). Nas inmediacións había tamén unha maumaquia para espectáculos de batallas navais, e o Gaianum, un hipódromo para adestramento.

Esta zona extramuros da cidade, pero ben conectada a ela, foi empregada como necrópole. Había importantes mausoleos como o de Adriano (hoxe transformado en Castelo de Sant'Angelo) e a pirámide de Rómulo. Aínda ó lado da pirámide de Rómulo estaba o Terebinto de Nerón, un mausoleo de planta circular con dous tambores superpostos.

Neste fresco de Rafael, que representa a Constantino antes da batalla da Ponte Milvia, podemos ver os mausoleos e o circo.

Pero volvamos ó circo. Calígula mandou traer un obelisco de Exipto para adornar a spina, e así no ano 37 chegou a Roma desde Heliópolis.
Antonio Dante imaxina desta forma a chegada do obelisco a Roma nun fresco pintado entre 1580-83, na Galería dos Mapas nos Museos Vaticanos.

Tallado en granito vermello, medía 22,5 m de alto -sen contar o pedestal-, carece de xeroglíficos o que impide a súa datación exacta, e remataba nunha bola de bronce, hoxe nos Museos Capitolinos (á dereita), que se pensaba contiña as cinzas de César.
Foi dedicado ós defuntos emperadores Augusto e Tiberio, segundo consta no texto do pedestal


Así debía lucir o obelisco no circo de Calígula e Nerón

Foi aquí onde tiveron lugar as primeiras execucións de cristiáns, ordenada por Nerón cando tras do incendio de Roma no ano 64, fixo deles o chibo expiatorio. Así o conta Tácito nos seus Anais: cubertos de peles de animais, eran despedazados por cans salvaxes; ou eran suspendidos en cruces; ou, incluso, no solpor eran queimados vivos para iluminar a escuridade da noite, mentres Nerón, vestido como un vulgar auriga, corría no carro ó seu redor.
No ano 64 o mesmo San Pedro sería crucificado, en posición invertida, no circo e sepultado nas inmediacións, posiblemente no entorno do citado Terebinto de Nerón.




Esta fornella da porta da Basílica de San Pedro, obra de Filarete, presenta a Crucifixión de Pedro no alto, abaixo pódense recoñecer a Meta e o Terebinto de Nerón e a Pirámide de Rómulo.











Pero o tempo pasa, no século II o circo estaba xa derruído. Os terreos, agora en concesión privada, servían de necrópole. Pero o obelisco, medio soterrado, seguía en pé.
Circo e mausoleo da esposa de Honorio (logo convertido en igrexa)
Recreación do século XV: o obelisco mantén a posición na antiga espiña e diante do antigo mausoleo

No século IV, tras do Edicto de Milán no 313 polo que Constantino lexitima o culto cristián, o emperador desenvolve un programa construtivo que inclúe a edificación dunha basílica dedicada a San Pedro no lugar no que se supoñía estaba a tumba do Apóstolo, a confessio.
Para a súa construción que se prolongou máis de 30 anos, ocupáronse os terreos do antigo circo ó tempo que se derrubaron mausoleos romanos cuxos materiais serviron para o enlousado do atrio, coñecido como O Xardín do Paraíso. Respondía ó modelo clásico dunha basílica: planta lonxitudinal con transepto, cinco naves, austeridade exterior e riqueza de mosaicos e mármores no interior.
Nas seguintes imaxes vemos o lugar ocupado pola basílica constantiniana sobre un dos lados do circo, o lado norte, o obelisco diante das novas obras e como seguiu a manterse na mesma localización unha vez rematada a basílica.
A Basílica constantiniana sobre o lado norte do circo



No século XVI, a basílica precisaba unha remodelación. O papa Xulio II (á esquerda, retrato de Rafael), gran mecenas da arte, en 1506 encargou a Bramante o deseño dunha nova basílica, sen ter en conta a remodelación iniciada en tempos do papa Nicolás V a mediados do século XV.

Non sería tampouco o proxecto de Bramante o definitivo, a obra final que hoxe contemplamos resulta da suma dos traballos de Rafael, Sangallo, Miguel Anxo, Fontana, della Porta e Maderno. A basílica, aínda con remates pendentes, será consagrada a primeiros do XVII.
Pero respecto do obelisco, o que nos ocupa, foi Sixto V quen, dentro do seu plan de renovación e modernización de Roma, decidiu que había que poñelo no centro da praza, sería o símbolo do triunfo do cristianismo sobre o paganismo.

A colosal obra foi encargada ó arquitecto e enxeñeiro Domenico Fontana, gañador dun concurso de proxectos da translación.
Os traballos para mover o supervivente obelisco de máis de 320 toneladas de peso, desenvolvéronse entre o ano 1586-87, empregaron mais de 9.000 homes e 75 cabalos, multitude de poleas e centos de metros de corda.
O plan consistía en encofrar o obelisco nunha estrutura de madeira, levantalo do chan uns 60 cm para apoialo nunha plataforma e transportalo sobre troncos rodantes, logo un complexo sistema de poleas permitiría erixilo.
Toda a planificación e o traballo foi recollido por Fontana no libro publicado en 1590: Della transportatione dell'obelisco vaticano et delle fabriche di nostro signore Papa Sixto V fatte dal cavallier Domenico Fontana. A conclusión perfecta do transporte e erección do obelisco, segue a ser recordada no pedestal do mesmo nunha inscrición.
Vexamos en imaxes o procedemento tal e como o deixou plasmado Fontana.





Rematou o traslado o día 30 de abril de 1586, o obelisco quedou alí durante catro meses ata que en setembro con traballadores frescos e con menos calor se emprendeu o traballo final da erección do monolito. As xentes acudiron expectantes a ver as manobras dos 800 homes e 140 cabalos que entraban en acción ó mesmo tempo. O propio Sixto V non perdía detalle.
Para non entorpecer as ordes de Fontana, o Papa ordenara silencio absoluto, que ninguén abrise a boca ata que todo estivera terminado, só pena de morte -forca e verdugo estaban xa dispostos-. Lentamente empezaron a xirar os cabrestantes e entre o ruído das poleas e sogas xunto coas ordes atronadoras de Fontana, a cabeza do obelisco comezou a levantarse. Pero cando ían a media altura, un olor de madeira e sogas queimadas estendeuse pola praza: as tensas sogas que tiran do monolito están a punto de romper. E foi entón cando rachando o silencio se oíu un berro “Acqua, dai acqua alle corde!!!”. Era un mariñeiro ligur, o capitán Bresca -segundo outras versións sería unha muller da familia Bresca-, que con eses gritos salvou a función: humedecéronse as cordas e refrescouse a maquinaria de xeito que puido seguir tirando da gran mole ata quedar de pe.
Bresca non foi condenado por romper o silencio, senón que lle foron concedidos privilexios: poder izar a bandeira vaticana na súa casa, unha pensión vitalicia e o dereito exclusivo de subministrar ó Vaticano as oliveiras ou palmas de Semana Santa.
As dúas imaxes que seguen, de 1593 e de 1630, amosan como quedou situado o obelisco no centro da Praza, antes do seu acondicionamento por Bernini a mediados dese mesmo século, realizada por encargo de Alexandre II.








No pedestal pódese ler o significado ideolóxico de tal obra de enxeñería:
¡Mirade a Cruz do Señor!
¡Atrás, potestades inimigas!
¡Venceu o león da tribo de Xudá!





















  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir