10 de nov. de 2012

AS METAMORFOSES ARQUITECTÓNICAS


As ocupación por outros pobos, as guerras, o expolio, os incendios, as reutilizacións (como vimos no caso do megalitismo)... entre outras foron causa da desaparición e deterioro de moitas das construcións do pasado.
Pero curiosamente, as reutilizacións ás veces serviron para que esas obras chegaran ata nosoutros aínda que deterioradas.
Vexamos algúns exemplos de templos gregos e romanos que perviviron con funcións distintas da súa orixinal.

-TEMPLO DE ATENEA EN ORTIGIA (Siracusa-Sicilia), de templo a Catedral


Os gregos de Corinto fundaron na actual Siracusa unha colonia, asentándose primeiramente -s.VIII a.C.- na illa de Ortigia (a paleopolis) para pasar logo á zona continental (neápolis).
O gran templo de Atenea levantouse na illa onde se fixera a primitiva fundación no século V a.C. en memoria da victoria na batalla de Hímera (contra os cartaxineses).



Tratábase dun templo de orde dórica, períptero e hexástilo. En contra da norma de harmonía, os laterais contan con 14 columnas.

Construído en pedra arenisca revestido con mármore das Cícladas

Conta con pronaos, naos e opistodomos. Pronaos e opistodomos con columnas in antis; a cella presenta columnas en tres dos seus lados, rodeando a estatua da deusa.





Esta maqueta no Museo Arquelóxico de Siracusa, pouco nos di sobre a magnificencia da obra da que ten falado Cicerón, aludindo ás portas con decoracións en marfil e ouro, as taboas de pinturas do interior e as riquezas que albergaba, ou do escudo dourado de Atenea no frontón.




No século VII os cristiáns tiñan orde de destruír os templos pagáns ou reconvertelos, neste caso por sorte optaron polo segundo o que permitiu a supervivencia do antigo templo. 
Mantendo a estrutura orixinal, introduciron arcos sobre piares na cella para crear a nave central, aproveitaron o material sobrante para facer os muros exteriores, situaron a ábsida na antiga pronaos e deron máis altura a toda a edificación.
Durante a dominación musulmán adaptouse como mesquita para logo volver a ser igrexa.  Hoxe é a Catedral da cidade, nela domina o estilo barroco.









Observa como aínda se mantén a crepidoma cos seus tres banzos




Nalgunhas parte é visible o arquitrabe e o friso de triglifos e metopas



A nave central coas novas arcadas, pero coas columnas dóricas no fondo

Columna remate do antigo templo grego embutida nos novos muros





-TEMPLO DE DIANA EN ÉVORA (Portugal), de templo a fortaleza

Trátase dun templo romano ubicado no antigo foro da cidade. Este é o seu estado actual, pero desde que deixou de ser templo pasou por distintas funcións.


Data de finais do século II ou primeiros do III d.C. e aínda conserva parte do podium, unha ducia de columnas, cos seus capiteis corintios, e parte do entaboamento. Se ben se coñece como templo de Diana, en relidade parece que foi dedicado a Augusto, pero a atribución a Diana no século XVII por mor dunha lenda, impúxose.





Na Idade Media estivo incorporado á fortaleza da cidade convertido en torre. Como ves na imaxe, mantivéronse as columnas, o basamento e o entaboamento, pero cegáronse os intercolumnios e superpúxose un corpo almeado. O espazo interno destinouse á venda de carne, entre outras funcións.




As imaxes inferiores, nuns grabados do XIX, dannos unha idea da súa utilización. Resulta curioso esa suma de almeas, o peche dos intercolumnios, a porta de arco oxival, ....


Comezou a súa restauración a finais do XIX.



- TEMPLO DE DIANA EN MÉRIDA, de templo a palacio



Aínda que así coñecido, parece que estaba dedicado ó culto imperial.
Foi construído a finais do século I a.C. no foro municipal de Emerita Augusta, é dicir o centro da vida social e política da cidade.
Trátase dun templo períptero, hexástilo, con 11  columnas laterais e de orde corintia, que se levanta sobre un alto podio, o temenos delimitado polo peribolo.Estaría recuberto de estuco.



No século XVI aproveitando parte da construción e dos materiais converteuse en palacio dos Conde de los Corbos, coñecida popularmente como Casa de los Milagros. Abaixo podes ver a situación actual, como se edificou a vivenda dentro do templo, deixando espazo para crear un patio interior.





A casa foi expropiada no 1972 e comezou a súa demolición pero logo optouse por mantela como exemplo de obra renacentista.
Engado algunhas imaxes que deixan constancia da grandiosidade e calidade da obra arquitectónica.








- TEMPLO DE VIC (Tarragona)


A cidade íbera de Ausa foi colonizada polos romanos e no século II construíuse este templo. Levántase sobre podio como era habitual, próstilo, hexástilo e con columnas de capiteis corintios. Descoñécese a quen estaba dedicado, posiblemente a Juno ou a Minerva.



Presenta a peculiaridade de empregar o aparello opus africanum, alternando os perpiaños horizontais con cadeas de perpiaños verticais de gran tamaño.





No século XI quedou dentro da estrutura do Castelo dos Montcada. Pasou logo a ser sede administrativa e incluso cárcere.




O que hoxe vemos é unha reconstrución do XIX realizada a partir dos poucos elementos que se encontraron en 1882 entre os escombros do palacio cando este pasou a ser demolido.

0 comentarios:



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir