31/10/14

COLUMNA SALOMÓNICA


O seu nome deriva da crenza de este tipo de soporte era o empregado no Templo de Xerusalén  que ordenou construír o rei Salomón. Trataríase de dúas columnas en bronce situadas no pórtico, o seu fuste en espiral sería símbolo do carballo, o material co que se construíra a Arca da Alianza.
Hipotética reconstrución do I Templo, Templo de Salomón, no alto do monte Moriá en Xerusalén. Construído a redor do 960 a.C. e destruído por Nabucodonosor no 587 a. C.



En realidade o I Libro dos Reis non indica o tipo de columnas, o sentido helicoidal acaso se poda concluír da decoración do fuste se ben hoxe se interpreta como o diámetro do mesmo. Cando explica os utensilios realizados para o templo ( Libro dos Reis 7-13) sinala:
Trouxo Salomón de Tiro a Hiram, fillo dunha viúva  da tribo de Nefatlí e de pai natural de Tiro, que traballaba o bronce. Estaba Hiram cheo de sabedoría, de entendemento e de coñecemento para facer toda sorte de obras en bronce; e veu ó rei Salomón, e foi quen fixo para el toda a obra. Fundiu dúas columnas de bronce. Tiña cada unha dezaoito cóbados de alto, e daba volta a cada columna un cordón ou moldura de doce cóbados . Non eran macizas, senón ocas; o groso das súas paredes era catro dedos. Fundiu os capiteis de bronce por riba das columnas, de cinco cóbados de alto un e de cinco cóbados de alto o outro. Fixo para os capiteis de riba das columnas reticulados e trenzados, de trenzas a modo de cadeas, un para cada capitel. Fixo granadas todo ó redor do reticulado e do trenzado en dúas filas.Os capiteis que había no extremo das columnas do pórtico estaban moldeados en forma de lirio e eran de catro cóbados. Había en cada capitel sobre as columnas duascentas granadas, arredor de dúas ordes no alto de cada capitel, xunto ó trenzado. Alzou a primeira ó lado da dereita, e chamouna Jaquin; logo a do lado esquerdo, e chamouna Boaz. Sobre o extremo das columnas había molduras de lirios. Rematou así a obra das columnas.
Non se ten encontrado resto algún deste primeiro templo, pese a que no Muro das Lamentacións os xudeus pregan pola súa perda, aquel en realidade é parte do muro de contención ordenado por Herodes o Grande no 20 a.C., ou incluso máis tardío, para soster a explanada superior do Segundo Templo.
Entón hai que buscar noutro lugar a súa orixe, concretamente na tradición de que Constantino o Grande no século IV trouxo do Imperio Romano de Oriente seis grandes columnas salomónicas que doou á primitiva Basílica de San Pedro. Posiblemente procedían do Templo de Herodes en Xerusalén ou ben dalgún outro edificio do Imperio Romano de Oriente. Tempo despois sumáronse outras seis doadas polo exarca bizantino de Rávena.En calquera caso habería que datalas no século II ou III, relacionándose co culto a Baco pola presenza de vides e putti.
Certamente no iconostasio diante do altar maior da primitiva basílica existían columnas salomónicas, como testemuñan as obras que seguen.
Taller de Rafael, posiblemente Giulio Romano. Estanzas de Constantino, Doazón de Roma (no fondo, sobre a cripta de san Pedro, as catro columnas salomónicas), 1520-24
O mesmo tema neste gravado de Giovanni Battista Franco (1523-24)
Arca de marfil (400-430) que amosa o santuario constantinián coas seis columnas salomónicas
Eran columnas monolíticas con cinco xiros alternando catro seccións decorativas de estrías helicoidais e amoriños entre vides, o imoscopo vai recuberto tamén de follas de parra. Estes elementos decorativos do culto dionisíaco remarcan a súa orixe pagá, agora transmutados en símbolo da eucaristía e anxos.


Columna constantinián coñecida na Idade Media como Columna Santa, pois segundo a tradición nela apoiábase Xesús mentres predicaba no templo
Representación da Columna Santa por Francisco de Holanda no Album dos desenhos das antigualhas,1538-40
Estas columnas, agás unha que se perdeu e outra que se encontra no Museo, seguen a estar presentes na actual Basílica de San Pedro pero en ubicacións ben diferentes.
Reutilización de oito  das columnas constantinianas nos machóns centrais que sosteñen a cúpula
Capela do Santísimo Sacramento con outras dúas 



Agora ben, e volvendo á súa orixe oriental helenística, non perviven moitos exemplos deste tipo de soporte. Unha mostra é este fragmento de fuste que ves á esquerda  procedente de Efeso.
Si en cambio se conservan in situ columnas torsas como as que recollemos nas seguintes imaxes.


Efeso (Turquía)
Columnata do cardo de Apamea (Siria)

Termas e ximnasio de Sardes, capital da antiga Lidia (Turquia)
Casa das Columnas, Volubilis (Marrocos)





Doutra banda tamén existiron columnas ofídicas, aquelas que se forman ó enroscar dous fustes. 
O máis claro exemplo é esta columna, á esquerda, realizada en bronce como soporte dun trípode, unha ofrenda a Apolo procedente de Delfos para conmemorar o triunfo na batalla de Platea e traída a Constantinopla -actual Istambul- por Constantino o Grande - ¡sei que gustaba da curva!- para ser colocada no Hipódromo. Dataría do século V a. C.



Outra formulación foi a romana columna historiada en espiral,como a columna comemorativa de Traxano do século II d. C.)






Na arte paleocristiá perviviron as columnas torsas xunto con columnas de fustes decoradas de vides e amorciños, tal é o caso do sarcófago de Xunio Basso (s. IV d.C.) do que vemos abaixo un  fragmento
Pero volvamos ás columnas de Constantino. Cando o Concilio de Trento deu un pulo ó culto dos santos e das reliquias, as antigas columnas foron consideradas reliquias -entendíase que procedían dun templo deseñado por Deus- ó mesmo nivel que os restos arqueolóxicos de Xerusalén. Deste xeito pasaron a converterse en modelo para a arte occidental.
Sen embargo e pese á súa función tectónica, non foi na arquitectura senón na pintura onde comezaron a verse. Será o Renacemento quen con maior interese revise o pasado artístico e cultural retomando del elementos como a columna torsa -xa nos pintores do Trecento- e a columna salomónica.
Simone Martini, Retablo da Anunciación
Giotto, Presentación de Xesús no templo
Cando os pintores renacentistas representan sucesos que acaeceron no Templo de Xerusalén, recorren sempre á tradición das columnas salomónicas inspirándose directamente nas columnas constantinianas do Vaticano coas estrías helicoidais e os amoriños entre follas de vide. Serán eles os que difundan a súa imaxe por toda Europaç
 Jean Fouquet. Ilustración das Antigüidades xudías (1470-76): toma de Xerusalén polo rei Herodes o Grande e as tropas de Pompeio no interior do Templo.

 
Rafael, Curación do paralítico -feito que segundo a tradición cristián tivo lugar no interior do Templo-. Cartón para tapís, 1515-16
 
Giulio Romano, Circuncisión, 1522

Vasari emprégaas nos seus frescos como un elemento moi protagonista para conformar as grandes arquitecturas finxidas que xa non se corresponden co templo de Xerusalén e se afastan do modelo orixinario.
Vasari, Pablo III nomea cardeais e distribúe beneficios. Pazo da Chancelería, 1546
Ata aquí só vemos as columnas representadas como enmarque pictórico ou escultórico, para velas aparecer na arquitectura como elemento verdadeiramente sustentantes haberá que esperar.
Os artistas do Renacmento revisando o pasado clásico, retomaron como vimos o modelo pero quedaba unha dúbida ¿estaban diante dunha nova orde arquitectónica?.
Vai ser Vignola quen codifica o seu deseño e construción no seu tratado Regole delli cinque ordini dell'arquitettura (Venecia 1562) sen se atrever a establecer o capitel que lle debe corresponder e sen incluílo nas ordes clásicas (dórica, xónica, corintia, toscana e composta).Aumenta a seis espiras nun perfil xiratorio, non ondulante como as vaticanas.
Pese a todo, e tempo despois, outros tratadistas coma Ricci no Epitome architecturae de ordine salomonico integro ou Caramuel, que o denominou Mosaico porque "gardaba a lei de Moisés",  apoiaron a premisa da nova orde arquitectónica. Tamén a emprega na portada do seu libro "Arquitectura civil recta e oblicua" e a relaciona con  templo de Salomón.
Guarino Guarini no seu tratado Architettura civile, publicado en 1773, faino derivar da orde corintia polo que a denominou Corinto Terzo ou Ordine Corinto Supremo. A diferencia dos anteriores o fuste só se reviste de estrías helicoidais sen follas.


Vignola
Caramuel
Caramuel

Guarino Guarini



Sen dúbida quen lle deu o pulo definitivo e a empregou con valor construtivo foi Bernini no baldaquino de San Pedro do Vaticano. Conservando o modelo constantiniano de cinco espiras e capitel composto, se ben substituíu as vides por loureiro e os putti por anxos.O conxunto evoca o vello templo de Salomón e o iconostasio da vella Basílica
A importancia artística e a súa carga simbólica foron dunha enorme influencia no barroco pois encaixaba ben na súa teatralidade e maxestuosidade.
Veremos columnas salomónicas por todas partes. Proliferan nos retablos, reinterpretánse como marco arquitectónico na pintura e, finalmente pasan á mesma arquitectura con valor sustentante.
O Baldaquino da Catedral compostelana trazado polo coengo Vega e Verdugo -pioneiro das reformas catedralicias- e executado por varios mestres da talla e escultores mais a definitiva participación de Domingo de Andrade, deixa claro que o referente é o modelo de Bernini, aínda que houbo de reducir o tamaño por razóns de espazo. 



Federico Zuccaro, Oratorio del Gonfalone (1573)

Rubens, Caída do maná (1625)

Rubens, Triunfo da Eucaristía. Serie de cartóns para tapís, Mosteiro das Descalzas Reais, Madrid, 1625-26
Veronés, Martirio de S. Sebastián, 1558


Catedral de Siracusa
Giulio Romano, Palacio de Mantua
Proxecto de Guarino Guarini para a Igrexa de Sta María da Divina Providenza en Lisboa


En España, o perdido retablo das reliquias da Catedral de Compostela realizado por Bernardo Cabrera en 1625 está considerado como a primeira mostra do seu emprego seguindo o modelo de Vignola, fronte ó deseño de Alonso Cano inspirado en Bernini.
Na pintura da Purificación (1560) de Luís de Vargas, á dereita, pasa por ser unha das primeiras representacións pictóricas.
E na arquitectura difúndese con gran forza na arte barroca, a través de España pasará a Nova España cunha grande carga de carnosidade na follaxe.
A primeira columna salomónica en pedra no exterior aparece en Galicia na fachada do mosteiro cisterciense de Sobrado dos Monxes, no segundo corpo enmarcando o nicho que acolle a imaxe da Virxe da Asunción. Unha obra de Pedro Monteagudo.


Santa María de Caldas de Montbui (Barcelona)

Capela da Terceira Orde, Toluca (México)



  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir