18/11/14

De Parga á Nova Iork, no gremio da falsificación


Hay un gallego en la luna, cantaban os galegos de Zapato Veloz alá polos anos 90 -autores tamén de aquel Tengo un tractor amarillo-. Non sei se haberá galegos na lúa, aínda que é habitual que en calquera parte encontres un galego por aquelo da emigración. Seguramente, supoño que o mesmo dirán os andaluces por exemplo.
Mais non esquezamos que en América denomínase galego a calquera español independentemente do seu lugar de procedencia.
Ben, admitamos que hai galegos en todos os ámbitos -cultura, ciencia, tecnoloxía, política, ...- fora do noso territorio. Pero ata agora non tiñamos un galego na elite dos grandes falsificadores da arte. Pois xa, ¡temos a Juan Carlos Bergantiños, natural de Parga! e o seu irmán Jesús Ángel.
Marchou a facer as américas desde a súa casa natal, a de Isolina do capataz, en Parga -uns 500 habitantes-, e despois de pasar por un gran número de traballos, acabaría introducíndose nos círculos artísticos neoiorquinos despois de montar unha galería de exposicións en Broadway. Parece que o seu traballo como asistente dunha sobriña neta de Gertrude Stein, foi o primeiro escalón do seu meteórico ascenso.
Un día dos primeiros anos 80 vendo as pinturas que Pei Shen Qian amosaba na esquina dunha rúa de Queens, decatouse que tiña ademais unha habilidade especial para reproducir a pintura dos expresionistas abstractos americanos.
Parece que acabaron chegando a un acordo polo que o pintor faría obras imitando a artísticos recoñecidos, e Bergantiños, xunto co seu irmán, tras de envellecelos con con bolsas de te ou deixándoos a intemperie pero protexidos da luz, engadiría a firma do suposto autor e os poría á venda.
Obra de Pei Shen na que inclúe o texto isto non é un cabalo, imitando isto non é unha pipa de Magritte
Certo que el non era o artista plástico pero si o artista do proceso de falsificación.
A encargada da negociación era a súa esposa por aqueles tempos, a mexicana Glafira Rosales. Presentábase nas galerías como representante dun coleccionista de arte do leste de Europa que viña de herdar tales obras e agora desexaba vendelas. Trataríase dun legado ata entón descoñecido no mundo da arte.
O mecanismo funcionou perfectamente, se o artista só cobraba uns centos de dólares, Bergantiños e a súa dona vendían por millóns: un suposto pollock acadou os 17 millóns de euros. Agora habitaban unha luxosa mansión de Long Island.
Pero no 2011 cando a prestixiosa sala de subastas Christie's rexeitou por falsa unha obra de Pollock que lle ofrecía un coleccionista belga, o negocio estoupou.
A investigación puxo de manifesto unha trama de falsificación que vendía obras ós multimillonarios de Manhattan que pagaban a tocateja cantidades astronómicas para poder presumir diante das amizades.
Importantes e recoñecidos artistas, particularmente expresionistas abstractos, eran os copiados. O fiscal cita a Mark Rothko, Jackson Pollock, Willem de Kooning, Robert Motherwell, Barnett Newman, Franz Kline y Sam Francis. Pero parece que tamén a Basquiat ou Keith Haring, entre outros. Todos teñen en común que visualmente o seu estilo é moi doado de falsificar. 
Investigado pola Fiscalía de Nova York e perseguido polo FBI, Berganiños foi detido durante unha estadía en Sevilla. Está acusado de fraude, lavado de diñeiro e ocultación de contas.





  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir