25/02/15

AMANTE ESPOSO


As relacións matrimoniais, ou en xeral as relacións de parella, poden ser complicadas. Non imos falar desas cotidianeidades senón da unión a través da arte, ou da non tan arte, con dous exemplos opostos que me xurdiron a partir da película de Tim Burton, Big Eyes, na que revisa o caso real do matrimonio formado por Margaret e Walter Keane. 


¿Cal é o asunto?. En realidade unha suplantación artística que oculta o sometemento de Margaret ó seu marido.
Nos anos 60 en California, un pintor fíxose moi popular -ver referencia na película O dormilón de Woody Allen: ¡O é un verdadeiro keane!- pese a non ser tan recoñecido polos críticos que tachaban o seu estilo de kitsch
Pintaba figuras, especialmente nenos, de grandes ollos, cun pouso de melancolía e tristura en entornas sombrías ou baleiros. Os compradores pagaban miles de dólares polos seus lenzos, ata 50.000 por obras de pequeno formato, asinados tan só co seu apelido: Keane. Ademais de admirado pintor, era un verdadeiro as do marketing, o que permitiu que el e  a súa esposa Margaret levasen unha vida de alto nivel.





Pero detrás destes éxitos había un drama. O verdadeiro artista, o autor, era ela, Margaret, a quen convencera de que obras asinadas por mulleres non terían saída no mercado da arte. Deste xeito, oculta de todo o mundo, Margaret pintaba de seguido, ata 16 horas ó día, pechada nunha habitación. Era un xeito de escravitude, de vampirización, e de sometemento psicolóxico exercido cruelmente.
Todo acabaría cando Margeret se atreveu a pedir o divorcio e no 1970, pese ás ameazas, a facer pública a verdade. As tensións non remataron ata que ela o demandou por difamación, demostrando no xuízo as mentiras de Walter. Houbo de pintar unha obra diante do tribunal para demostrar que era ela a artista; o impostor, tamén obrigado a pintar, foi incapaz de facelo alegando unha lesión no ombreiro.



Unha situación ben distinta é a do periodista estadounidense Paul Jordan-Smith. Cando uns bodegóns pintados pola súa muller foron duramente criticados por seguiren modos anticuados, ideou un modo de poñer en evidencia tales valoracións.
No 1924 colleu os pinceis e, en menos de 20 minutos, pintou o seu primeiro lenzo , deulle un título -Exaltación- e engadiu unha significación: representar a liberación da muller.


O resultado é o que ves, para moitos o cadro máis feo do mundo. Unha muller aborixe dalgunha illa do Pacífico, brandindo na súa man esquerda unha estrela de mar, que máis ben semella un plátano, non se pode dicir que a estrela lle saíra moi ben.
Para dar credibilidade inventou un autor e o seu curriculum: o ruso Pavel Jerdanowitch, fundador dun novo movemento denominado Desombracionismo, en alusión á ausencia de sombras -en realidade porque non sabía como tratalas-.
A continuación moveu fíos e contactos para presentar a Jerdanowitch como un gran descubrimento e introducir a obra mo mercado. Sorprendentemente tivo éxito, a obra foi exposta na galería do Waldorf Astoria, e os críticos loubaron a nova vangarda o o xenio do seu creador no que se mesturaba Gauguin, arte pop e arte negra.         
¿Como é posible?. Hai que ter en conta que nestes félices 20 coincidían dunha banda a multiplicidade das vangardas e o desexo dos novos ricos, descoñecedores da arte, de investir e de facerse con obras para as súas luxosas vivendas. Os galeristas e marchantes non daban abastecido o mercado, era un terreo aboado para os especuladores. 
Agora todos os galeristas querían mercar obra do gran artista ruso. Jordan-Smith -
Jerdanowitch- pintou máis lenzos: Aspiración (abaixo), Iluminación, Adoración, Capitulación, ... Un total de sete obras recibiron o aplauso.



As obras acabaron aparecendo en prestixiosas revistas de arte e no Libro de ouro da arte moderna.
Como o asunto desmadraaase e decidiu poñerlle fin no 1927 publicando nos Angeles Times a verdade. Aínda houbo algún crítico reticente a recoñecer o engano e a admitir o ridículo ó que foron sometidos, un sostivo:
É evidente que Paul Jordan-Smith triunfou no seu engano porque ten talento e certas dotes artísticas. Pero é demasiado ignorante para comprendelas.
        
En fin, saca ti as conclusións que consideres destas dúas verdadeiras historias. 






  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir