15/04/15

A PINTURA DE ISABEL



Fai uns anos, estreouse na TVE a serie Isabel, serie que seguín nas súas tres tempadas. Certo que a vida desta muller da para moito. Aquela muller que Fernado del Pulgar, a finais do século XV, describe deste xeito
Esta reina era de mediana estatura, bien compuesta en su persona, muy blanca e rubia; los ojos entre verdes e azules.
El mirar gracioso e honesto, las facciones del rostro bien compuestas, la cara muy fermosa y alegre.
Era muy cortés en sus fablas...
... era católica e devota
Era mujer ceremoniosa en sus vestidos e arreos ey en el ser vicio de su persona
Desde o principio, e por deformación, divertiume cotexar a verosimilitude da recreación histórico-artística tendo en conta, por descontado, que non sempre se poden empregar as localizacións verdadeiras da trama nin é posible servirse do atrezzo orixinal.
Xunto con castelos, palacios, alcázares, igrexas, catedrais e capelas, ollar as réplicas pictóricas empregadas na escenografía, na que ás veces se teñen cometido erros importantes, resulta un entretemento paralelo.
Non é o caso, aquí empregáronse réplicas de obras coetáneas ós feitos, maioritariamente do Museo do Prado ou da Capela Real de Granada. Deixamos de lado se a obra aparece na localización que se refire a Segovia, a Roma ou a Amboise, do mesmo modo que obviamos o feito de que as táboas aparezan colgadas a modo dos cadros nunha casa actual, o que entonces non era propio, de feito só se colgaban aquelas que presidían  un  altar.
Nestes finais do século XV, imperaba na arquitectura un gótico final que dará paso ó Renacemento, denominado isabelino, con elementos e formas mudéxares que lle imprimen un carácter particular (basta mirar as armaduras de par e nudiño ou os arcos mixtilíneos de San Xoán dos Reis en Toledo). Sumaranse tamén as influencias flamengas, e, en menor medida, italianas, florentinas no caso de Castela.
Pero baixo o pretexto da serie televisiva hoxe centrámonos na pintura.
A raíña herdou e obtivo por regalo pezas artísticas, pero tamén encargaba e mercaba obra, foi a primeira coleccionista da monarquía española. Mercaba principalmente, á marxe da Península, en Flandres ou, mais ocasionalmente, de Italia -Botticelli, Perugino-, sobre todo para ornar debidamente a Capela Real de Granada e a Cartuxa de Miraflores. Na colección figuraban obras de van der Weyden, Dirk Bouts, Gerard David, Metsys, Memling, Petrus Christus, Bouts,.... Sánchez Cantón establece que chegou a posuír arredor de duascentas vintecinco obras, incluíndo táboas, lenzos e retablos, pero posiblemente o número fose superior, lamentablemente non contamos cun inventario totalmente fiable dado que nel tan só se fai a descripción de cada peza. Era algo impensable na época, se exceptuamos a superior coleccións dos Medici en Florencia.
Sabido todo isto, ¿que obras aparecen na serie?. A maioría son de carácter relixioso -retablos ou partes de retablos-, obras devocionais para unha Corte e unha raíña, ultradefensora do cristianismo.
Vexamos unha escolma 

FERNANDO GALLEGO, A PIEDADE CON DOANTES, c.1470. Museo do Prado
Óleo e temple sobre táboa
Os anónimos doantes axeonllados á esquerda entoan "miserere mei Domine", inicio do Salmo 50 pedindo o perdón de Cristo e a obtención da Redención.








ROGIER VAN DER WEYDEN, NATIVIDADE, c.1440. Museo da Capela Real de Granada
Óleo sobre táboa
É unha das dúas táboas que se conservan -a outra, que veremos logo, é a Piedade- do denominado Tríptico da Virxe. A terceita táboa do tríptico acabou no Museo Metropolitano de Nova York.
O tríptico propiedade da raíña era obra seguramente de Juan de Flandes copiando o Tríptico de Miraflores, que o seu pai Xoán II encargara a van der Weyden e logo doara -no 1445- á Cartuxa de Miraflores en Burgos.
Durante a invasión napoleónica, o xeneral francés Jean d'Armagnac, gobernador de Burgos, quedou prendado da peza asi que decidiu apropiarse dela -¿quen  llo ía impedir?-. Tras pasar por distintas mans, hoxe pode verse na Gelmäldegalerie de Berlín.
As dúas táboas conservadas en Granada foron recortadas na parte alta, perdendo os arcos oxivais que acubillaban as escenas, para adaptalas a un novo marco: un armario relicario obra de Alonso de Mena.


MESTRE DE SOPETRÁN, I DUQUE DO INFANTADO, c.1470. Museo do Prado.
Óleo sobre táboa
A táboa formaría parte dun políptico do mosteiro bieito de Sopetrán en Guadalaxara, ó que da nome o autor anónimo da obra que se move dentro das correntes flamengas.
Suponse que representa a Diego Hurtado de Mendoza, I duque do Infantado e fillo do I marqués de Santillana. O título foille outorgado polos Reis Católicos no 1475.


SANDRO BOTTICELLI, ORACIÓN NO HORTO, c.1500. Museo da Capela Real de Granada.Temple sobre táboa
A única obra deste pintor importada en vida por encargo da mesma raíña. Como a anterior formou parte da súa herdanza.
Ves que a obra recortouse para deixar tan só a parte superior na que o anxo se achega a Xesús, e se suprimiu a parte nas que os apóstolos dormen.




ROGIER VAN DER WEYDEN, A PIEDADE, C.1450. Museo do Prado
Óleo sobre táboa
Pintada en Flandres pola propia man do artista ou do seu taller. De feito existen polo menos catro copias, o que demostra o éxito da composición como imaxe devocional. Orixinalmente de formato rectangular, foi logo recortada en forma lobulada en data sen determinar. Figura na relación de pinturas de Isabel.
Observa as semellanzas coa obra de Fernando Gallego, particularmente o modo no que María abraza o corpo de Cristo, e as diferenzas (disposición da cruz, paisaxe, grupos)




JAN VAN EYCK, A FONTE DA GRACIA ou O TRIUNFO DA IGREXA SOBRE A SINAGOGA, c.1430. Museo do Prado.Óleo sobre táboa
Pintada en Flandres e doada por Enrique IV de Castela ó mosteiro do Parral en Segovia.
O manancial que brota baixo do Cordeiro ós pés de Cristo, transporta as Sagradas Formas ata o plano inferior. A Eucaristía, símbolo da Graza, ampara a Igrexa triunfante, á dereita, e espanta ós xudeus, á dereita.




HANS MEMLING, TRÍPTICO DA EPIFANÍA, c.1479. Museo do Prado.
Óleo sobre táboa
Pese á súa orixe alemá, a influencia flamenga é notable na obra de Memling, un dos pintores favoritos da raíña. Tamén se coñece como Tríptico de Carlos V porque se conservou no seu oratorio.
Inclúe o Nacemento, a Adoración dos Magos e a Presentación no templo. Resulta moi similar ó Tríptico Columba de van der Weyden.
Fíxate que na escena recortáronse os laterais da táboa central -só se ve a Melchor axeonllado- para conseguir a igualdade das tres, e que se alterou a orde: a táboa dereita pasou ó lado esquerdo e a táboa esquerda pasou ó lado dereito.



ANTONELLO DE MESSINA, CRISTO MORTO SOSTIDO POR UN ANXO, c.1475. Museo do Prado.Óleo e temple sobre táboa
É dubidoso que esta obra chegara tan cedo á Península, se be é posible que a través do mecenado dos Mendoza houbera xa en Castela obras de estilo similar
A preocupación pola anatomía, o volume, a perspectiva e a monumentalidade difiren dos tratamentos flamengos.



HANS MEMLING, DÍPTICO DO DESCENDEMENTO DA CRUZ E PRANTO DAS SANTAS MULLERES, c.1475. Museo da Capela Real de Granada.
Óleo sobre táboa
As táboas deste díptico formaron parte do legado persoal da raíña Isabel, novamente pintura de estilo e técnica flamenga pese á orixe alemana do seu autor.
Na serie preséntanse separadas para escenarios diferentes.


ROBERT CAMPIN, TRÍPTICO DE WERL, 1438. Museo do Prado.
Óleo sobre táboa
Só se conservan dúas das tres táboas orixinais, a central perdeuse. Emprégase unha das táboas, a da esquerda na que San Xoán Bautista protexe ó donante, o franciscano Werl que da nome ó tríptico. 
A influencia de van Eyck é notoria na paisaxe visible a través da fiestra e no espello convexo. Recorda o Matrimonio Arnolfini (podes revisar nesta entrada o tema dos espellos)



ROGIER VAN DER WEYDEN, MADONNA DURÁN, c.1435. Museo do Prado
Óleo sobre táboa
Obra orixinal deste pintor e da que se fixeron múltiples versións, signo da boa acollida que tivo a imaxe.
As dúas figuras acubillan dentro dun nicho de traza gótica. No alto, un anxo coroa a María.


PETRUS CHRISTUS, VIRXE DA ÁRBORE SECA, c.1465. Museo Thyssen-Bornemisza
Óleo sobre táboa
Foille atribuída a súa autoría no século XIX. A denominación é a da confraría homónima á que o pintor pertencía. Simboliza a Redención obtida grazas a María e Xesús en oposición á Árbore da ciencia, murcho tras do pecado orixinal.


JUAN RODRÍGUEZ DE TOLEDO, RETABLO DO ARCEBISPO DON SANCHO DE ROJAS, c.1420. Museo do Prado. Temple sobre táboa
Orixinariamente este retablo gótico de considerables dimensións foi destinado a igrexa de San Benito de Valladolid.
Na serie empregáronse catro táboas: unha soa, Adoración dos Magos, e as outras tres para formar un tríptico -Improperios, Flaxelación e Camiño do Calvario-, se ben alterando a súa colocación.


CRISTO DE SAN DAMIÁN, autor descoñecido, c.1100.  Temple sobre tela e madeira
Orixinalmente, unha icona italiana, concretamente da rexión de Umbría, conservada na basílica de Santa Clara en Asís e diante do que oraba san Francisco cando se lle apareceu o Señor. Para a orde franciscana é o símbolo da misión divina que lles foi encargada.
Multitude de replicas se fixeron deste Cristo como imaxe devocional e de culto nos conventos das clarisas e franciscanos.




ANDREA MANTEGNA, TRÁNSITO DA VIRXE, c.1462.  Museo do Prado
Temple sobre táboa
Magnífica obra procedente das coleccións reais, realizada polo pintor para a corte dos Gonzaga en Mantua.
A pintura está incompleta, falta a parte superior da sala abovedada de estilo venciano coa representación de Cristo recibindo a Virxe (este fragmento consérvase Na Pinacoteca de Ferrara).


NICOLÁS FRANCÉS, MAESTÁ DO RETABLO DA BAÑEZA -táboa central- (Vida da Virxe e de San Francisco), c.1445-1460.  Museo do Prado. Temple sobre táboa
O retablo, realizado inicialmente para un convento de franciscanos, representa a vida da Virxe e de San Francisco, ocupando esta táboa da Virxe co Neno e anxos músicos, a rúa central.
Este artista borgoñón -pintor, tallista, miniaturista- estivo activo en León na segunda metade do século XV, sendo un claro representante do gótico internacional.


Anónimo flamengo, SAN XOÁN BAUTISTA, s. XV.  Museo da Capela Real de Granada
Temple sobre táboa
Representado como penitente que se retirou ó deserto para facer penitencia. Leva o o libro, significando a predicación, e o cordeiro -Agnus Dei- símbolo do sacrificio de Xesucristo polo pecados dos homes.


Mestre da Lenda de Santa Catalina (pintor flamengo), A VIRXE E O NENO CON SANTA CATALINA E SANTA BÁRBARA, s. XV.  Museo da Capela Real de Granada
Óleo sobre táboa. Parte dun tríptico
Polo estilo ténse asociado co fillo de Rogier van der Weyden, caracterizado polo sentido narrativo con inserción de trazos anecdóticos.
Constitúe unha das táboas dun tríptico que formou parte da colección de Isabel. Actualmente só se conservan dúas táboas, esta e a Misa de San Gregorio.



DIRK BOUTS, A VIRXE E O NENO CON CATRO ANXOS, c. 1460.  Museo da Capela Real de Granada. Óleo sobre táboa
Obra  que xunto coa seguinte formou parte das pezas deste pintor na colección reunida por Isabel. 
Bouts é autor de moitos pequenos cadros de devoción da Virxe có Neno, establecendo un modelo que outros pintores hispanoflamengos seguirán a empregar.


DIRK BOUTS, CRUCIFIXIÓN (táboa esquerda do Tríptico da Paixón), c. 1455.  Museo da Capela Real de Granada. Óleo sobre táboa
É una peza de considerables dimensións pois acada unha altura de case dous metros. Non se trataría dun encargo da propia raíña, posiblemente herdado do seu pai ou do se irmán. Foi trasladado á capela real polo seu fillo carlos
Amósase claramente influído por van der Weyden, particularmente no panel central do Descendemento.


Atribuida a PIETRO PERUGINO, CRISTO, VARÓN DE DORES, c. 1500.  Museo da Capela Real de Granada. Temple sobre táboa
Figura no inventario da raíña como táboa en que esta nuestro señor en el sepulcro de medio cuerpo arriba con la corona despinas e vna diadema que tiene de alto dos terçias e de ancho vna uara.


Vendo as imaxes están claras as tendencias pictóricas que se espallaban pola Península. Na segunda metade do século XV, as correntes flamengas penetran por Aragón e Cataluña (Lluís Dalmau, Xaime Huguet, Bartolomé Bermejo) ata chegar posteriormente a Castela onde destaca o foco toledano, moi vinculado á familia Mendoza, grande mecenas da arte  (Mestre de Sopetrán, Jorge Inglés) e introdutores das correntes italianas. Podemos pois falar dunha pintura hispanoflamenga que xa introduce as correntes renacentistas  (Fernando Gallego; Diego de la Cruz; Berruguete).
O gusto dominante pola pintura flamenga, amósase claramente na selección pictórica da raíña Isabel. Non só foi coleccionista, sen entender isto na concepción actual, de obras de artistas do Norte como se pode ver polo que queda da súa colección na Capela Real de Granada, senon que tamén encargou directamente obras. Cando elixe os seus pintores de cámara, elíxeos do Norte, flamengos ou alemáns.
¿De que pintores gustaba Isabel para lles facer encargos?
  • Francisco Chacón está documentado como pintor de la señora princesa, nada máis subir ó trono. Da súa man só se conserva unha Piedade ou a Quinta Angustia. Ademais era o encargado de impedir ofensa na pintura, por exemplo que un mouro ou xudeu pintara figuras sagradas.
  • O mestre anónimo coñecido pola autoría da táboa da Virxe dos Reis Católicos, cos retratos dos reis e os seus dous fillos maiores.
  • Antonio Inglés, chegado a Castela coa embaixada inglesa de 1489 para solicitar a man de Catarina para o Príncipe de Gales. Consta que se lle fixeron pagos polos retratos do príncipe e das infantas, o que significa o desenvolvemento dun xénero novidoso en España incorporado polo contacto coa corte dos Windsor.
  • Michel Sittow, tamén coñecido como Melchor Alemán, fundamentalmente retratista. Traballou para Isabel desde 1492, sendo o pintor mellor pagado da corte (50.000 maravedíes ó ano). Tras da morte da raíña itinerou por distintos países do norte de Europa.
  • Juan de Flandes. Documentado en Castela desde 1496 posiblemente coincidindo cos acordos matrimoniais entre os fillos dos Reis Católicos e os de Maximiliano I de Austria. Pouco se coñece da súa biografía pero o seu estilo semella vinculado a van der Goes e posteriormente a Memling. É autor xunto con Michel Sittow do grandioso Políptico de Isabel, destinado ó seu uso devocional privado. Contiña corenta e sete táboas de pequeno tamaño, verdadeiras miniaturas que narran as vidas da Virxe e Cristo; á súa  morte, recuperadas dun  armario do Castelo de Toro, foron postas á venda -só se venderon once- mentres que trinta e dúas pasaron ás mans de Margarita de Austria de quen as recuperou por herdanza Carlos V que as regalou á súa esposa Isabel de Portugal; Patrimonio Nacional conserva quince delas. Do seu pincel é tamén outra encargo para a Cartuja de Miraflores, o  retablo de san Xoán Bautista  (1496-99) do que se conservan cinco táboas -abaixo, catro delas-. Destacar tamén a Crucifixión do Retablo Maior da Catedral de Palencia, cidade na que morreu.

  • Diego de la Cruz, pintor do ámbito burgalés formado en Flandres. É o autor da Virxe da Misericordia, obra na que se inclúen a familia real baixo do manto da Virxe.

Dixemos que Isabel coleccionou pintura, ou mellor pinturas xa que non hai un criterio de elección, nin por razóns económicas xa que por entón a pintura non constituía un ben especialmente valioso nin contaba có recoñecemento dos tapíces -que tanto aparecen na serie-, maioritariamente procedentes da cidade de Arrás, polo que aquí se coñeceron como panos de Ras. Temos que recordar que tanto o pintor, como o tapiceiro ou o ourive estaban considerados artesáns e que o valor da obra viña pois dado polo custo dos materiais e as horas de traballo. Non se valoraba o deseño que era un trazo secundario na valoración monetaria.
Pese a non aparecer pintura de carácter profano, o inventario da colección isabelina recolle a existencia de paisaxes e vistas de cidades xunto con outras ás que se refire como imaxes miúdas onde están dúas batallas.
Tampouco vemos practicamente retratos. Hai que recordar sen embargo que non eran inusuais se ben carecían do sentido que hoxe lles outorgamos, servían sobre todo para presentar ós futuros contraentes. Na serie vemos como cando tras dos acordos matrimonios de Xoana e Xoán con Margarita e Filipe de Austria, os embaixadores traen caixas con pequenos cadros dos austríacos. Así sucedía coas obras deste xénero, non eran para colgar ou expoñer senón para ter gardados, no será ata moi avanzado o século XVI cando pasen a forma parte da decoración e aumenten de tamaño. Certo que o retrato non procuraba a fidelidade dos trazos físicos do retratado, pola contra as fisionomías sacrificábanse o preciso para outorgar ó retratado a dignidade necesaria como mostra da liñaxe. De feito, se nos fixamos na familia real da Virxe da Misericordia, todos teñen un parecido incrible, son iguais pero en distinto tamaño.
A colección real incluía diversos retratos, como ves de autoría flamenga e, seguindo o costume flamengo, retratos de tres cuartos.


Raíña Isabel, Antonio Inglés?, c.1490

Catarina de Aragón, Michel Sittow, c.1503

Raíña Isabel, Juan de Flandes, c. 1500

Catarina de Aragón?, Juan de Flandes, 1496

Xoana I, Juan de Flandes

Fernando de Aragón, Michel Sittow

Sen dúbida a maior parte das obras en propiedade de Isabel -mercadas, encargadas ou recibidas como regalo- eran de carácter relixioso. Aínda asi, en ocasións, se incluían nelas retratos, como o caso da citada Virxe dos Reis Católicos ou estas que seguen
Juan de Flandes, Multiplicacións dos pans e dos peixes, finais do s. XV. Na esquerda, o retrato de Isabel
Entorno de Pedro Sánchez I, Piedade cos santos Juanes e os Reis Católicos, finais do s. XV
No testamento, Isabel expresa o desexo de que pezas da súa colección pasen á capela Real de Granada, desexo que cumplirá o seu neto Carlos. Ademais das referidas anteriormente, estas son algunhas pezas que conserva a Capela Real e outras que se encontran en coleccións extranxeiras, pero sempre obras propiedade de Isabel.

Tampouco se pode afirmar que as pinturas foran a parte máis importante das súas propiedades persoais -a valoración medra a partir do século XVI-. De feito cando a soberana faleceu e tres meses despois se puxeron en pública almoeda os seus bens -de xoias a traxes, de moedas a manuscritos iluminados, de relicarios a pezas bordadas- para facer fronte ás mandas testamentarias dispostas o 12 de outubro de 1504 (entre outras cousas, ¡vinte mil misas!), moitas das táboas e dos lenzos, por riba de cen, non encontraron comprador pese a que o seu prezo era inferior ó doutros bens. Nin sequera os mesmos retratados se interesaron por quedar cos seus retratos.
E volvendo á serie, outro apuntamento na recreación de feitos relevantes: a inspiración visual máis ou menos exacta en cadros de historia.

Tras da celebración dos funerais por Enrique IV, a cerimonia de proclamación tivo lugar na igrexa de San Miguel en Segovia o día 13 de decembro de 1474. A Raíña de Castela contaba 23 anos.

Mural da sala da Galera no Alcázar de Segovia, Proclamación de doña Isabel como Reina de Castilla, Carlos Muñoz de Pablos (mediados do século XX)

Incapaz xa de resistir o asedio e á vista do inverno, Boabdil aceptou en novembro de 1491 negociar a rendición. Fixouse a data da entrada dos Reis Católicos en Granada para o 2 de xaneiro de 1491.
Temorosos de que se producira un alzamento no interior, acordouse que ó amencer un destacamento dos Reis entrase sixilosamente ata a fortaleza da Alhambra e tomar posesión de todas as súas torres e murallas. Á fronte da incursión estivo Gutierre de Cárdenas, esperado por Boabdil na Torre de Comares.
Asegurada militarmente a posesión do recinto, a comitiva real -cos Reis e o infante Xoán- accedeu á fortaleza. No camiño encontran a Boabdil que baixaba a lombos dunha mula. O rei Fernando recibe do emir as chaves da cidade e entrégallas á Raíña.

A rendición de Granada,  Francisco Pradilla, 1882

O ditado do testamento tivo lugar en Medina do Campo o 12 de outubro de 1504, poucos días antes da súa morte.
Xunto do rei Fernando e da súa filla Xoana, é recoñecible Cisneros polo seu hábito cardinalicio. Sen embargo ningún dos tres estaba presente neste momento

Dona Isabel a Católica dictando o seu testamento, Eduardo Rosales, 1864


Pechamos coa fidelidade nos símbolos da monarquía: o cetro e a coroa. Ambas consérvanse no Museo da Capela Real de Granada a quen a propia raíña as doou (fíxate que as consideraba propiedade persoal, algo que hoxe non entenderíamos).

                 




  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir