19/05/15

VIRTUOSISMO TÉCNICO


Xa temos visto o dominio técnico dos escultores traballando a mármore, o modo en que son capaces de reflectir a brandura das carnes, os osos e as veas baixo da pel, a pesadez ou a finura dos tecidos que transmiten as formas corporais. Verdade que a calidade artística non está só no virtuosismo, hai algo máis que ás veces non sabemos definir pero que recoñecemos cando o vemos. Seguramente é unha das diferenzas entre o labor dun magnífico artesán e a dun artista. 
Abaixo, detalles de obras de Fidias, Miguel Anxo, Bernini e Carpeux.




Aínda así, os considerados artesáns medievais tamén acadaron altas cotas de veracidade na representación como nesta gárgola da Catedral de Salisbury (s. XIII)


Continuando nesta liña de capacidade técnica, repasamos hoxe un tema que esixe moito da man do escultor: as figuras veladas. É dicir aquelas que cobren o seu corpo e/ou rostro cun finísimo velo que se adhire sobre as formas que ocultan.
Unha técnica que curiosamente Leonardo da Vinci consideraba excluída da escultura. Nos seus escritos ó tratar sobre as transparencias (¿recordas o case imperceptible velo sobre a cabeza da Gioconda?), afirma que a pintura non ten que competir coa escultura pois esta
non pode formar corpos luminosos e transparentes, tales como figuras veladas que amosen o corpo espido baixo do velo que as cobre.
No fondo as formas veladas constitúen un trampantollo, pois na primeira impresión semella existir un velo transparente de verdade, pero realmente exemplifica un traballo exquisito dando forma viva ao mármore.
Imos revisar uns exemplos centrándonos naqueles que cobren o rostro esvaíndo as fisionomías, aquelas pois que dan continuidade á técnica dos panos mollados de Fidias. E para iso imos ver obras de artistas que non adoitan estudarse nos libros de texto.
Unha das mostras mellores da Antigüidade clásica -do 400 a.C.- quizais sexa esta cabeza de muller con medio rostro agochado tras dun velo e a seguinte, esta danzante do período helenístico. 


Hai que deixar pasar o tempo para que na Italia de finais do Barroco e xa entrando as tendencias rococó, dous escultores destaquen nesta labor: o veneciano Antonio Corradini e o napolitano Giuseppe Sanmartino.
Corradini, Donna velata /Puritas (1725)
 
Corradini, Verdade velada/Castidade. Capela de San Severo, Nápoles (1751)

Para esta mesma capela de Nápoles, renovada por iniciativa de Raimondo di Sangro para adecuala como panteón familiar, realizou no 1753 Sanmartino este Cristo xacente cuberto polo sudario -parece que partindo dun deseño previo de Corradini que faleceu antes de poder esculpilo-. Sanmartino adopta un xeito novidoso e orixinal de presentar este tema, o corpo morto de Cristo queda completamente cuberto por un delicado e transparente velo que transmite con máximo dramatismo a morte e o sufrimento previo da crucifixión.

 

A obra causou tal admiración que o mesmo Antonio Canova chegou a afirmar que daría dez anos da súa vida por ser o seu autor. Desde logo non estamos diante dun escultor de segundo orde, hai virtuosismo non cicel pero tamén intensidade emocional,  sensibilidade e, incluso, beleza na morte.
No século XIX a moda das figuras veladas estendeuse cal regueiro de pólvora por toda Italia, acabaron sendo esculturas moi empregadas nos monumentos funerarios pola súa carga simbólica.




 

Incluso Isabel II, foi esculpida no 1855 por Torreggiani nun busto velado, unha alegoría da raíña como garante da fe católica e da virtude en España (...en fin!!!!). 
Podes ver a obra completa na páxina do Museo do Prado onde se encontra.




Dando un salto ata a arte contemporánea, outros escultores retoman os velos nun novo clasicismo, pero van engadir outras significacións e modificar a iconografía.
Kevin Francis Gray cicela figuras coetáneas como esta Bailarina (2011), que repousa firme sobre os pés en punta, que se amosa chea de elegancia, de sinxeleza e dunha serenidade que se rompe cando ollamos eses dedos cravándose con forza no brazo. Hai pois unha vida interior oculta, e misteriosa como a mesma figura.



Livio Scarpella, realiza bustos, moi inspiradas nos clásicos, de rostros cubertos por un velo que non oculta as marcadas expresións. Así o vemos nestes dous que retoman as obras de Bernini: Anima Beata e Anima Dannata -salvada e condenada-. Fíxate que no lugar do corazón coloca fragmentos de cuarzo, de amatista ou outras rochas duras e semipreciosas. Establece un diálogo entre a tradición do oitocentos con Sanmartino  Corradini como referentes e a sensibilidade contemporánea.


Rematamos sen velos pero con virtuosismo. Obxectos de acotío, tratados dun xeito hiperrealista e sorprendente: o pétreo tórnase brando e suave.

Sebastiano Martorana, da serie Impresións
Alasdair Thomson, da serie The Identity Collection
Fabio Viale, Piacere!
Alex Seton, da serie Roupas
Jud Nelson, Wonder Bread
Jud Nelson, Garbage








  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir