3 de feb. de 2016

14 DE FEBREIRO



14 de febreiro, día de san Valentín, día dos namorados, mais ¿por que ese día?
Imos ver a razón desta celebración, pero comezamos por unhas suxerentes imaxes da expresión do amor a través dos bicos: bicos apaixonados, bicos tenros, bicos mitolóxicos, bicos roubados, bicos surrealistas, bicos etéreos, bicos furtivos,bicos tímidos, bicos misteriosos, bicos devoradores, bicos anxelicais,...
Ah! non logrei evitar a tentación de incluir tres bicos de fotografía, mais correctmente dúas fotografías míticas e o bico fraternal socialista de Leonidas Brezhnev (URSS) e Erich Honecker (RDA), inmortalizado nunha fotografía no Berlín de 1979. A imaxe fíxose, diríamos hoxe, viral en todo o mundo. Caído o Muro,no 1989, o artista ruso Vrúbel foi encargado de facer un mural sobre os restos do Muro coa famosa fotografía, á que engadiu a lenda "Meu deus, axúdame a sobrevivir a este amor mortal" en ruso e alemán.

Powered by emaze


Agora ollemos cara atras para ir ata a antiga Roma.
Os romanos celebraban as festas Lupercais -unha das tantas que tiñan para as súas múltiples divindades- na honra do Fauno Luperco entre o 13 e o 15 de febreiro (Ante Diem XV Kalendas Martias), protector dos rabaños caprinos e ovinos dos ataques dos lobos, deus da natureza salvaxe e da fertilidade dos campos. Parece que tamén evocaba os coidados que a loba Luperca deu ós xemelgos Rómulo e Remo, fundadores de Roma.

Para Varrón, a festa tiña sentido purificador do mesmo xeito que eran purificadoras as outras dese mes: as Quirinalias do dia dezaste e as Terminalias do día vintesete. De feito o nome deste mes -februarium- ven do latín februo, que significa purificar.
Se ben comezou como festa de pastores, logo pasou a ser exclusiva para os nobres, o mesmo Marco Antonio presidiu unha das tres seccións que formaban o colexio de lupercos.
Os sacerdotes lupercos reuníanse o día quince nunha cova do Palatino que actuaba a modo de templo -o Lupercal onde a loba aleitou a Rómulo e Remo [1], completamente espidos ou só cubertos por unha pel de macho cabrío, a cara cuberta cunha máscara de barro e os corpos untados de graxa, para inmolar ó deus Pan unha cabra e un can. 
Un dos actos iniciais da cerimonia comezaba cando o primeiro sacerdote tocaba a fronte dos lupercos co coitelo tinguido do sangue das vítimas, e despois, cunha la empapada en leite, lavaba aquela mancha. Neste momento comezaban as gargalladas. Así nos conta Pluarco en Vidas paralelas:
O coitelo ensanguentado co que se toca a fronte dos lupercos alude ós crimes cometidos nese mesmo día e ó perigo que correron Rómulo e Remo, mentres que a ablución con leite sería un recordo do leite da loba Luperca que amamantou ós fundadores de Roma.
Terminados os sacrificios, cortábase en tiras a pel das vítimas facendo unha especie de látigo -as februa-, repartíanse entre os participantes que saían correndo ó redor do Palatino golpeando coa februa a todo aquel que encontraban.
Fragmento dun relevo en terracota da época de Augusto

Conrad Dressle, Lupercalia, 1907

Especialmente interesábanse polas mulleres como nunha evocación das saídas nocturnas dos faunos polas montañas. Mais tamén as mulleres procuraban achegarse ós lupercos: as xestantes tentaban rozar coa la ensanguentada para evitar as dores do parto e as mozas como un rito de fecundidade. Ovidio escribiu:
¿Qué esperas matrona? Non serás nai ti grazas a poderosas herbas nin a máxicos encantamentos. Recibe as azoutas da destra fecunda, e pronto o teu sogro terá o desexado nome de avó.
A celebración remataba cun festín coa carne das vítimas.
En conxunto a conmemoración tiña un forte carácter bullangueiro que foi derivando cada vez mais co paso do tempo, e pese a que Augusto prohibiu a participación dos menores de catorce anos, a festa continuo incluso cos mais mozos. 
Cicerón foi crítico coa festividade
Esta cofaría salvaxe e agreste, de irmáns en figuras de lobos que fixeron unha unión silvestre antes que a civilización e as leis


Representación da celebración, por Domenico Beccafumi (s. XVI)


¿Terán algo que ver con tales ritos os peliqueiros de Laza, os cigarróns de Verín, os felos de Maceda que coas súas zamarras ou bastóns, no caso dos felos, golpean e marean a todos os que se cruzan no seu camiño?



Volvamos ó noso tema
As Lupercais degradáronse en carnavaladas indecentes, o estado retiroulles as subvencións, e,  se xa Teodosio prohibira todo acto de culto pagan, foi finalmente o Papa Xelasio I quen puxo fin a tales festividades -agora xa non relixiosas- no ano 494 ameazando de excomunión a todo o que participara nelas. Escribiu duras palabras:
Vosoutros que celebrades un monstro composto de non sei qué mestura de besta e de home
Celebracións que son execración, crime público e instrumento de perversión
Por se a xente non cumpría, ideou algo mais: inventar unha festa relixiosa nesas mesmas datas para borrar aquelas centradas nos praceres da vida e da carne.
Non había mais que mirar o santoral, precisamente o día 14 de febreiro -xusto o día anterior das grandes Lupernais- estaba adicado a San Valentín, unha figura non moi relevante -nin sequera estaba claro que existira- pero que agora podía recibir novas significacións, lendas e incluso milagres como o de devolver a vista á filla do prefecto romano que o custodiaba no cárcere.
Sexa pois!. Valentín, primeiro médico logo sacerdote, fora un mártir executado no 270 por non renunciar á súa fe cristiá e por celebrar secretamente matrimonios dos lexionarios romanos ós que Claudio II condenara a ser célibes para non perder o seu ardor guerreiro. Adquiría así unha significación ben interesante, a de protector dos namorados.


Martirio de San Valentín (s.XVIII)

San Valentín é representado con casulla, sotana negra e manto O seu atributo adoita ser unha espada cravada no peito e ás veces un sol na man como símbolo da luz, en recordo do milagre.
Pasados os anos e cun santo xa ben popular, só restaba sumarlle incluír o día na roda do consumo. Parecer ser que foi Esther Howland nos Estados Unidos a primeira en comercializar as tarxetas do Día de San Valentín como Día dos Namorados, unhas tarxetas con debuxos simbólicos contornadas con delicados encaixes de papel. O éxito foi fulgurante.

Anuncio de 1948, tomado de ABC


En España a celebración comezou a celebrarse a mediados do século XIX por iniciativa duns grandes almacéns, Galerías Preciados, como medida de marketing de incremento de ventas.




Por suposto que tamén se asociou co Día dos Namorados a Cupido, aquela figura mitolóxica alada, fillo de Venus e Marte, que caprichosamente dispara os dardos de amor ás veces cos ollos vendados como símbolo de que o amor é cego. Desde a antigüidade Cupido, o Eros grego, estivo asociado co amor e, pese a que os demais deuses foron caendo no esquecemento, Cupido mantívose como símbolo do amor e, por suposto, a san Valentín.
Cupido na Alegoría da primavera, Sandro Botticelli





[1] O achado no 2007 dunha grota baixo do palacio de Augusto no Palatina, foi posta en conexión coas Lupercales. Sen embargo non todos os estudiosos están de acordo con esta conexión sontendp pola contra que se trata duin ninfeo ou dun triclinium da época de Nerón





0 comentarios:



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir