02/02/17

COUSAS DE NENOS


Ata que comezaron a desenvolverse os retratos infantís, primeiro para a nobreza e logo para a burguesía, os nenos só aparecían como un elemento máis dentro da historia narrada. Xunto cos nenos, os anxos, querubíns ou, en xeral, os putti, foron unha figura que permitía ós artistas introducir un punto anecdótico e divertido, que distendía a seriedade da composición.
Cando pensamos nesta idea de introducir un divertimento, rapidamente nos ven o recordo de Nicolasito Pertusato nas Meninas de Velázquez que non desperdicia a ocasión de molestar ó mastín que descansa placidamente no primeiro término.Así describía Antonio Palomino en "El museo pictórico y escala óptica” (1724):
... en principal término está un perro echado y junto a él Nicolasico Pertusato, enano, pisándolo, para explicar a el mismo tiempo, que su ferocidad en la figura, lo doméstico, y manso en el sufrimiento; pues cuando le retrataban se quedaba inmóvil en la acción, que le ponían; esta figura es obscura, y principal, y hace a la composición gran armonía
O anano que segundo o Catálogo do Museo do Prado contaría 21 anos nese momento, viñera a España desde o Milenasado formando parte do séquito da raíña Mariana de Austria. A súa permanente adhesión e lealdade foille recoñecida con distintas mercedes e incluso no testamento -aínda que perdido, coñécense as cláusulas- Mariana de Austria ordena un pago monetario e a entrega de  algunhas xoias. Se sabe tamén que viviu máis de 60 anos e que posuía cinco criados ó seu servizo e importantes rendas no testamento, segundo se extrae doo outorgado a favor dos seus irmáns..
Así que a memoria desa pequena figura que dinamiza o lenzo introducindo con este pillabán unha nota lúdica, mantívose no tempo grazas a Velázquez.
Ollando o pasado vemos outras figuras infantís ocorrentes polo que fan ou pola súa disposición É o caso destas réplicas romanas dun orixinal helenístico, O neno da oca. ¡Hai que ver a cobiza coa que o neno  aperta o pescozo do pobre animal!.


Nunha procesión tan longa -senadores, sacerdotes, maxistrados, familia imperial- coma a da Ara Pacis pode pasar de todo, neste caso son os pequenos os que rompen o cerimonial desfile
No friso do lado norte, unha nena da familia avanza firme e segura portando na man dereita un anaco de loureiro, vestida cunha rica toga e adornada cun colar de bolas,. Tan contenta vai que tende a adiantarse do lugar que lle corresponde, por iso a súa nai tira dela agarrándolle fortemente o peiteado para que manteña o ritmo

Neste fragmento conservado no Louvre e que corresponde ó friso sur, entre os senadores destaca este pequeno. Parece xa canso de tanta cerimonia, chama a atención de quen, supoñemos, é un familiar. Tira da toga e mira con rostro ansioso. A súa vestimenta difire da dos outros nenos co cortexo, ademais adorna o seu colo cun torques. 


Despois do grupo de Antonia a Menor, co seu fillo da man, e o seu marido Druso o Maior, outro neno da familia avanza charlando co de detrás, mais para non se perder suxeitase do toga de Druso, o seu tío. Togado e con coroa de loureiro, porta tamén no colo, a bulla, un colgante que a modo de amuleto levaban os nenos romanos ata a adolescencia.Este pequeno é Gneo Domicio Enobarbo, o que andando o tempo será pai de Nerón. Advirte o xeito no que o seu pé dereito supera o marco do relevo.




O Tríptico dos Uffizi (1464-1470), obra de Andrea Mantegna, inclúe no panel dereito un tema non demasiado habitual, a Circuncisión. Nesta escena que se desenvolve nun marco arquitectónico solemne, están presentes a Virxe sostendo o Neno que vai ser  circuncidado, Xosé á esquerda cun cesto con dúas rulas -necesarias para a purificación de María despois do nacemento do seu fillo-, o vello sacerdote co coitelo que ven de recoller da bandexa que suxeita un neno. Á dereita, en segundo plano, outras dúas mulleres: a máis vella, a profetisa Ana, e unha máis nova acompañada dun neno. Segundo algúns trataríase  de santa Isabel e do seu fillo Xoán o Bautista, aínda que iconograficamente falten datos para tal aserto.
O rapaz non semella estar moi ledo, un tanto rosmón, chupa o dedo mentres na man sostén  unha rosca xa medio trincada. Observa a dozura coa que a muller lle xira suavemente a cabeza para apartarlle da vista a cruenta cerimonia.




Cando, para commemorar a concesión de autogoberno da cidade de Ascoli que estaba baixo dominio papal, a Carlo Crivelli encárgaselle pintar no 1486 o retablo dunha Anunciación para a igrexa homónima. Mais se trata  dunha imaxe compositivamente pouco usual, en primeiro lugar pola presencia de San Emigdio a carón do Arcanxo Gabriel. Hai que ter en co ta que o santo é o padrón da cidade, como tal presenta a maqueta de Ascoli. En segundo lugar polas froitas do primeiro plano como mostra do seu virtuosismo, e en terceiro lugar polo fastuoso marco urbano. Unha rúa pavimentada en perspectiva que nos leva, superando o arco triunfal, ata o fondo, á que se abren, amén da casa de María, outras edificacións tratadas con suma minuciosidade en todos os detalles. Engade ademais personaxes diversos para enfatizar a idea do cotían, persoas alleas ó que acontece agás ese neno que asoma curioso para ver quen son esas estrañas figuras da rúa. 


¿E que diríamos dos nenos ouriñando?. É unha imaxe que pode resultar simpática e que ben coñecemos pola fonte do Manneken Pis de Bruxelas rematada nunha escultura en bronce dun neno ouriñando coroa a fonte.
O modelo data de principios do século XVII, se ben a figura que se ve na actualidade é unha réplica da orixinal que despois de ter sido roubada e recuperada se gardou no Museo da cidade.
Non creo que exista turista que non teña feito unha foto diante desta icónica fonte como recordo da viaxe.


¿Existen outras obras deste tipo? Sen dúbida.
Un lenzo ben característico de tal actividade é o Pequeno Baco (1623) de Guido Reni. O neno Baco criado polo sátiro Sileno -vello, intelixente e borrachín- pronto aprendeu del o amor polo viño. E así o representa Guido Reni: con coroa de vides, empinando o cóbado comodamente apoiado nun barril de viño, mesmo como se estivera acodado na barra dun bar. Curioso que case es establece unha circulación continua de fluídos: chorro de viño saíndo do barril, tragos que vai bebendo e chorro de ouriños, entrada so viño que bebe. O Hematocrito del arte, retitula esta obra como "Xuventude sen valores" (il bambino alcoholicci).
¡Unhas meixelas vermellas e unha mirada perdida!


En moitas ocasións aparecen inseridos dentro do acontecer dunha historia



Mais posiblemente unha obra que resulta ben divertida na súa representación, non polo tema, é este lenzo de Rembrandt, Rapto de Ganimedes (1635). O adolescente príncipe troiano Ganimedes a quen a Ilíada describe como o mais fermoso dos mortais, encargábase do coidado dos rabaños familiares, pero un día Zeus ó velo, encaprichouse e raptouno transformándose en aguia (¡as argucias de Zeus!). Así narra Ovidio nas Metamorfoses:
Sin demora, tras batir el aire con sus falsas alas, raptó al Ilíada, que ahora prepara también las bebidas y sirve el néctar a Júpiter contra la voluntad de Juno [Hera]
Para contentar os pais regaloulles uns cabalos tan veloces que ata podían galopar sobre a auga. E así todos félices.
Se habitualmente se representaba a Ganimedes como un mozo, Rembrandt opta por facer del un neno pequeno rechoncho, sorprendido -aínda suxeita na man esquerda un acio de cereixas- e totalmente aterrado ata o punto de facerse pis de puro pánico. Tamén difire Rembrandt en amosar a resistencia do pequeno que trata de zafarse da poderosa ave empurrándoa coa súa man dereita e en suprimir toda carga sexual. O claroscuro subliña a expresividade do dramático momento.



Os putti, amoriños, querubíns ou nenos simplemente dan moito xogo. Guido Reni amosa unha verdadeira loita de putti que no fondo non é un simple xogo, realmente presenta a loita entre putti plebeos -os de pel escura- e putti nobres -de pel branca-. Non hai piedade nesta loita corpo a corpo.












No Rapto de las sabinas (1799), David amosa como o enfrontamento entre sabinos e romanos se traslada mesmamente ós nenos. En primeiro plano e no centro esta encarnizada liorta, un atacando cheo de agresividade coas meixelas arroibadas e os ollos iracundos mentres o outro ergue a man na procura de axuda.
O acontecemento-lenda está tomado dos escritos de Tito Livio e de Plutarco. Segundo a narración, os romanos estaban escasos de mulleres, polo que Rómulo decidiu organizar uns xogos na honra de Neptuno e invitou ós pobos veciños.Moitos sabinos acudiron coas súas mulleres e fillos. No transcurso das competicións os romanos foron expulsando os homes e apoderándose das mulleres coas que logo casarían. Anos despois, os sabinos atacaron para desquitarse. Este é o momento que presenta o lenzo, cando as mulleres sabinas -agora xa romanas- se interpoñen entre os dous bandos. A figura central cos brazos abertos é Tarsilia, filla do rei sabino Tacio e esposa de Rómulo, interponse entre os dous. Na confrontación pode perder un pai ou un marido. 

No extremo oposto, encontramos as figuras entrañables, sexan nenos ou anxos.

Rafael, o rei das madonnas, introduce na Madonna Sixtina (1513-14) dous pequenos anxos apoiados na balaustrada asistindo curiosos ó encontro da Virxe con San Sixto e Santa Bárbara.Fermosos e tenros convertéronse nunha imaxe icónica do Renacemento, por si mesmos á marxe do lenzo ó que pertencen. Popularmente difundíronse impresos en camisetas, chaveiros, postais, bandexas, libretas,.....
Unha curiosidade desta obra: a man dereita de san Sixto ten seis dedos sen que conste que tivera tal malformación. A razón estriba ó parecer nunha significación ben concreta: simbolizaría un sexto sentido sentido, o da profecía.





¿Qué dicir dos marabillosos putti de Mantegna?. Só iso, marabillosos. Desde estes dous que se esforzan por manter no alto a pesada cartela incluso apoiándose no bico dos pés, a ese outro que meteu a cabeza entre os balaústres da rotonda do óculo e agora chora enrabiado porque non consegue sacala. Son fragmentos dos frescos da Cámara dos Esposos para a familia dos Gonzaga en Mantua, realizados entre 1465 e 1474


¡As abellas pican!. Cupido non pensou, roubou mel dun panal e agora ven queixarse a Venus do ataque das abellas (Lucas Cranach, c.1525). A nai, tan elegante con ese sombreiro, mentres suxeita unha rama da maciñeira na que se apoia semella desentenderse das queixas.
O asunto está tomado dun poema do grego Teócrito, O ladrón de mel. A tradución tomámola do blogue El hacedor de sueños

Una abeja maligna picó un día
a Eros que robaba una colmena, 
y le picó en la punta de los dedos. 
Eros patea, grita, se lamenta, 
se sopla las heridas y a Afrodita 
mostrando su dolor, llora y se queja
de que ser tan pequeño y diminuto
produzca unas heridas tan cruentas
. .................................. 
Y la madre, riendo, dice al hijo: 
-¿No eres tú semejante a las abejas? 
Tú también, hijo mío, eres pequeño 
¡pero qué heridas tan terribles dejas! 


Así que Cranach materializa unha lección moral, no amor igual que nos panais de abellas hai que ter moito coidado pois calquera imprudencia pode resultar ben dolorosa.
ais dado que Eros adoita non portarse demasiado ben, ás veces precisa dunha labazada ou dunha boa reprimenda
Vindo ó mundo dos mortais, a escola pode ser un mundo complicado. Aínda que non sempre son como esta Escola de aldea (1670)  de Nicolaes Maes. Creo que todos estes nenos ían de verdade contentos á escola.
 

Pero noutras circunstancias as consecuencias poder ser dolorosas.
Na obra de Jean Steen Maestro de escuela (1665), parece que o neno non fixo como era debido así que estira a man para recibir o castigo mentres a nena parece alegrarse, e en Aritmética Mental (1895), na escola pública de S. Rachinsky, o ruso Nikolay Bogdanov-Belsky pinta con gran realismo un exercicio escolar, pero este neno disimuladamente está empregando os dedos para facer a conta. Se miras o lenzo verás que hai outro que o delata.


Agora ben para enfados e castigos o Tamborileiro desobediente (c.1665) de Nicolaes Maes. Está claro o que sucede, o rapaz insiste en tocar o tambor, a nai xa está cansa lle dicir que pare porque vai espertar o bebé, Pero como non para, sacúdelle na man, a baqueta cae ó chan, o neno chora mais frustrado e testudo que outra cousa, mirando de esguello. Ela sacudindo ameazadora uns vimbios dirixille unha contundente mirada de: ¡nin se che ocorra!.


Poñemos punto final con esta obra de Brueghel o Vello, Xogos de Nenos (1560). Nun espazo urbano en perfecta perspectiva recolle máis de oitenta xogos infantís. O curioso é que estes nenos xogan pero subxace tal ordenamento que impide a sensación de tumulto que sería mías propio dun entorno lúdico infantil.





En fin, eses locos bajitos que decía Serrat.





  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir