8 de xuño de 2017

EU TEÑO UN CANCIÑO

Así comeza unha cantiga popular. Pois tamén moitas obras na historia da arte teñen o seu canciño.
Non falamos dos casos nos que son protagonistas senón de aqueles nos que aparecen como acompañantes ou se integran na escena de xeito anecdótico. O primeiro caso é moi usual nos retratos,  desde o can faldreiro que acompaña ás damas (Eleanora Gonzaga) ata os poderosos cans de caza (Cardenal-Infante Fernando de Austria) ou os da familia (Paseo matinal)
Hoxe revisamos aqueles que ás veces pasan desapercibidos pero que contan cun encanto especial.

A dinastía dos Gonzaga asentaba o seu prestixio e a súa riqueza na arte da guerra como condottieros ó servizo das grandes potencias italianas.  A medra incrementouse coa concesión do titulo nobiliario de marqués, outorgado, no 1433, polo Emperador Segismundo (un século despois obterían o de Duque de Mantua)
O II marqués, Luís III Gonzaga, Ludovico o Turco, era un guerreiro pero tamén un  erudito, formouse entre humanistas, estudou os clásicos gregos e latinos, tiña certos coñecementos matemáticos e non era torpe no debuxo. Todo ese substrato cultural había de reflectirse en algo, e así foi: o vello castelo medieval reformouse como residencia urbana renacentista; arquitectos como Alberti e Fancelli traballaron en Mantua; e, sobre todo, logrou contratar a Mantegna, un pintor all'antica, como pintor oficial da súa corte, unha ocupación en exclusiva que desenvolverá ata a súa morte.
Ludovico encargoulle un  gran ciclo pictórico para a sala de audiencias privada, a denominada Cámara dos Esposos, pois a ambos fins servía. Sería unha imaxe de valor propagandística e símbolo do prestixio da dinastía, cunha visión amable da familia política e dinástica, tratada cunha linguaxe clásica que a conectase coa antigüidade romana superando os modos do gótico internacional impregnado de idealismo cabaleiresco
A minuciosidade de Mantegna fixo que a os frescos non se remataran ata despois de nove anos (1465-14679. A lentitude ben valeu a pena, sen dúbida. Podemos facer unha visita virtual.
Nesta imaxe que segue -fragmento da escena da Corte, Ludovico -en roupa de cama e zapatillas- recibe unha nota e fala co seu secretario, acompañado de familiares e membros da casa. Baixo o seu asento, comodamente acubillado está Rubino, o can preferido do  marqués. Tenro e doce, tranquilo e dócil, simboliza a lealdade e a fidelidade, un trazo que debería igualmente rexer a conduta dos demais.
Na outra parede da Cámara, coa escena do Encontro -entre Ludovico e o seu fillo Francesco, recen nomeado cardeal-, aparecen outros cans: os fermosos mastíns de caza, suxeitados por criados, e ese outro que se move libremente entre as pernas dos fillos pequenos


Veronés, representa o manierismo veneciano, trata este tema evanxélico como se dunha grande festa veneciana contemporánea se tratara. Toda unha linguaxe decorativa enmarca o milagre de converter a auga en viño, comezando polas enormes dimensións do lenzo ( 6,7x9,9), seguindo polo fastuoso espazo arquitectónico, o luxoso atrezzo -mobiliario, manteis, copas, traxes,...- e o vibrante colorido.
A obra fora encargada para o refectorio do convento de san Giorgo Maiore (foi requisada por Napoleón), e o resultado causou verdadeiro escándalo xa que o feito relixioso quedaba escurecido entre o grande boato  da celebración, a multitude de personaxes e o bulicio festivo.
Como é habitual nas súas obras, tamén aquí introduce varios animais. O que  os interesa é ese can que asoma a cabeza no alto, entre os balaústres da esquerda. Mira con avidez os manxares que se serven, é un can da rúa que escudriña as posibilidades de dar con  algo que levarse á boca. Nada que ver cos  dous elegantes cans centrados  no primeiro plano e que ó parecer pertencen a algún dos músicos (autorretratos nos músicos)

Por suposto, temos que referirnos ó magnífico mastín que pinta Velázquez nas Meninas: estoicamente e aínda somnolento, aguanta a pisada de Nicolasito Pertusato. Nas versións de Picasso tampouco pode faltar a súa presenza, pero curiosamente na versión superior non se trata dun mastín senón un can salchicha, como o seu querido Lump a quen pintou o seu propio prato



E agora esta pequena galería:
- os dous de Goya: ese canciño branco, non moi peiteado, pero coqueto co lazo vermello na pata, a xogo coa súa dona, posando tan seguro de si mesmo como a propia dama; a cabeciña  que asoma nesa inquietante peza mural -posteriormente trasladada a lenzo-  da súa última etapa: sobre un fondo dourado con ollos anhelantes mira ó alto, non sabemos que.
- a fidelidade conxugal na Venus de Urbino e no Matrimonio Arnolfini. En ambos casos a escena ten lugar nunha alcoba, pero a de Tiziano ten un marcado erotismo absolutamente ausenta na cerimonial disposición dos Arnolfini.  En correspondencia, os cans: acubillado e durmido ós pes do leito un, erguido e mirando ó fronte, o outro.
- dous ladradores: o de Miró, unha imaxe surrealista de escasos elementos: na dereita, sobre a ondulante liña do horizonte, o can de cores primarias e formas circulares ladrando á lúa crecente; á esquerda, unha escaleira infinita conecta terra e ceo. Simboloxías, significados?? Simplemente sensacións: impotencia, illamento, desexo de fuga, nostalxia, anhelos frustrados, ..... Na obra de Tintoretto, Vulcano, avisado por Helios, ven verificar se a súa esposa é infiel. Mentres Marte, o amante, escondido e a medio vestir -non lle deu tempo de coller o escudo-  trata de calar o can que está a piques de descubrilo.


- o compañeiro de Felipe Próspero, acomodado na cadeira coa cabeza riba do brazo da mesma, a súa acuosa mirada non fai senón acentuar a melancolía do lenzo. Velázquez retrata o xa proclamado Príncipe de Asturias -o primeiro fillo varón do segundo matrimonio de Filipe IV que xa perdera o seu primer herdeiro, o príncipe Baltasar Carlos- con absoluta tenrura que non impide reflectir a febleza da súa saúde. Sobre as roupas penden distintos amuletos como unha figa de acibeche ou unha campaniña de ouro. Morrería antes de cumprir os catro anos.
-nesta Sagrada Familia, Murillo opta por un ambiente familiar, humilde e doméstico no que o Neno Xesús xoga co can tentándoo co paxaro que suxeita en alto. A cotianeidade domina na expresión narrativa: Xosé, rematado o seu traballo de carpinteiro, ocúpase do Neno, mentres María, ocupada no fiado, vira docemente a cabeza para mirar o xogo. Nunha primeira ollada pensaríamos estar diante dunha naturalista escena de xénero, é o xeito característico no que Murillo plasma asuntos relixiosos, un modo claro de acercalos ós fies, algo que tanta aceptación tivo e tanta fama lle deu.  Certo que a miúdo serviuse de outros para crear as súas composicións, algúns din que era un "compoñedor" a base de retazos alleos, en realidade emprégaos para construír os seus propios modelos. Neste caso existe unha composición parecida -e diferente- de Barocci. Tamén temos visto o xogo cun xílgaro, símbolo da paixón, en Rafael e en Tiépolo
-dous cans  á carreira, o de Seurat e o de Balla. O pequeno can de Seurat, lánzase cara ó can negro que está comendo dos retos que encontra. Se este semella un can ceibe que vaga sen rumbo definido, o pequeniño, elegante co seu colar con primoroso lazo rosa, figura un can burgués a quen acaban  de ceibar e corre ledo a encontrarse cun semellante. O can de Balla vai suxeito pola correa e mantén o ritmo da súa dona, un ritmo continuo quen multiplica as patas, o rabo  e a cabeza, movemento que se transmite en vibracións á correa.
-un can nun enterro en Ornans, un can de caza que non quere perdese o acontecemento ou ¿pertencía ó finado? e se sitúa en primeiro plano. A obra foi duramente criticada por varias razóns: darlle a un acontecemento cotián, a grandiosidade -incluído as dimensións do lenzo- reservada para os grandes temas relixiosos, mitolóxicos ou históricas; ofrecer un  tratamento realista que converto os cidadáns de Ornans case en caricaturas; e para colmo, un can en lugar prominente. Hai que recordar, sen embargo, que na pintura flamenga  adoitan aparecer cans nas escenas da Crucifixión  e da Paixón (Gerard David) do mesmo modo que na Última Cea aparecen gatos.




Igualmente na arte contemporánea



Se como vimos, o can simboliza a fidelidade nada mellor para pechar este comentario que o monumento funerario de Ilaria del Carretto, realizado por Jacopo della Quercia. Ilaria, que morreu ó dar a luz o seu segundo fillo, contaba tan só con 25 anos. O seu esposo encargou o monumento  Jacopo della Quercia. Xunto coa beleza formal e o tratamento humanista, o detalle do canciño. Sobre el repousan os pés da finada, mentres que atento a mira con  cariño








0 comentarios:



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir